29 de noviembre de 2011

CONCILIAR: QUEN, PARA QUEN?

Moitas veces escoitamos cousas como:
"O concello de ..., a Universidade de..., a empresa ... vai acometer a construcción dunha escola infantil para axudar na conciliación da vida laboral e familiar e facilitar a incorporación da muller ao mercado laboral."
Así, o que é un servizo á comunidade convírtese nunha oferta (e gancho electoral) para as mulleres, que son case sempre as que reclaman mais "garderías", mais horas de apertura nos centros infantís e subvencións aos seus empregadores para o atendimento das cuotas. Como aínda non se ten a cultura da "coresponsabilidade" na crianza das fillas e fillos, os servizos para a infancia parecen chamados a convertirse nun espazo de exclusivo interese femenino.
                                                      
As empresas "sensibilizadas" coa problemática incluso ofertan espazos nos propios centros de traballo ( e obteñen incentivos fiscais ou premios) para a creación de centros infantís. Neste contexto, empresas privadas "de ocio e tempo libre" obteñen en subcontrata a xestión dunhas garderías creadas para reter e incentivar maioritariamente ás suas traballadoras.
Así, a feminización de certos espazos laborais provoca o efecto perverso  de que os servizos para a primeira infancia non son para os cativos, os protagonistas da escola infantil, senon que respostan en moitas ocasións ás necesidades da cadea de producción, onde nenas e nenos son clientes(en vez de alumnos) en función das necesidades da sua familia (imos decir mais ben das da sua nai) como xa sucedera nos albores de industrialización no século XIX.

Toda esta realidade toma corpo no día a día de calquera escola infantil do noso entorno. As educadoras (a sua vez nais traballadoras) acollen as fillas e fillos de mulleres agobiadas por extensas xornadas laborais e domésticas, e que non se poden preocupar demasiado pola calidade da institución onde deixan os nenos (bastante é obter unha praza e poder pagala!) pero que arrastran un certo sentimento de culpabilidade por non adicarlle o tempo suficiente á crianza. Mulleres sen tempo para educar e que delegan esta tarefa na "escola infantil"  sen que interfira, eso sí, na sua primordial tarefa de "gardería" cando o neno presenta febre pola mañá e a educadora recomenda sen éxito que quede na casa. Desta maneira, a muller-nai convirtese e enemiga da muller-educadora que defende o interese do menor como parte do seu traballo, pero que non pode por menos que sentirse solidaria coa muller que ten enfrente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario